"Nesta taberna pódese cantar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A recuperación e promoción dos Cantos de Taberna ten en Pontevedra un dos seus máximos expoñentes dende hai catro anos a través da iniciativa do mesmo nome, 'Cantos de Taberna'. A tempada 2015 estrearase este venres 27 de febreiro coa actuación da asociación cultural Maravallada nos locais do casco histórico Panela e O milano dos Mares e con novidades que pretenden consolidar este xénero musical nos espazos de ocio da cidade.
A presentación da nova edición do programa materializouse no escenario máis representativo da inicativa, unha taberna. A concelleira de Fiestas, Carmen da Silva, e a presidenta de Maravallada, Mar Fernández, explicaron en La Navarra unha tempada de cantos na que o Concello e Maravallada pretenden lanzar un novo selo de calidade, o 'Pódese cantar', de adhesión voluntaria e que pretende engadir valor aos locais onde se permita realizar este tipo de actividade.
Carmen da Silva mostrou o seu desexo de que vaian desaparecendo progresivamente os carteis 'Prohibido cantar' dos locais de ocio e Mar Fernández explicou que, para apoiar isto e mesmo contrarrestar ese costume, se intentará que os bares pontevedreses substitúan esa lenda pola de 'Pódese cantar'. Poderase instalar nos locais nos que o propietario o permita e comparta a filosofía do proxecto.
O selo, ao estilo do coñecido 'Q de calidade', instalarase este ano nos dez locais nos que se realizarán as actividades de Cantos de Taberna os últimos venres de cada mes ata xuño. O 27 de marzo o grupo de Riveira Os Perucos actuará no Reixas e La Navarra; o 24 de abril a música dos coruñeses Maghua chegará ao Lar e Machuco; o 29 de maio será a quenda do grupo da Fonsagrada Antarxas e Sorteiros no Brasilia e Rebusco; e o 26 de xuño Maravallada pechará o ciclo no Timón e Diaño.
A nova edición incluirá tamén como novidade a concesión dun diploma en recoñecemento ás persoas que mostren maior entusiasmo e participación en cada unha das noites de cantos nos bares pontevedreses. Con este galardón, que vai acompañado dun premio en forma de botellas de viño, queren deixar claro que en Cantos de Taberna "o que pretendemos non é dar un concerto, senón que a xente participe e se implique", segundo Mar Fernández.
Carmen da Silva incide en que esta filosofía diferencia a promoción dos cantos que se fai en Pontevedra e noutras localidades, pois a edición local é a única na que non se premia a profesionalidade dos grupos que actúan, senón o espírito de quen participa, pois "non se premia a quen mellor canta, senón a quen canta con máis entusiasmo".
Entre as novidades de 2015 inclúese a realización de dous obradoiros de canto a nivel iniciación e perfeccionamento -ata agora tan só se facía iniciación-.
Relacionadas:
-
Tabernas, amigos e …“Ailaleeelooo, ailalaaalooo”
Por Redacción |
-
La Navarra, premiada na primeira edición da gala de Cantos de Taberna
Por Redacción & Diego Torrado |
-
María Arribe imparte, a partir do venres 15, os obradoiros de Cantos de Taberna
Por Redacción |
-
Cantos de Taberna mantense en plena forma
Por Redacción |
-
'Cantos de taberna' ou como esquivar o fútbol nas tascas durante os vindeiros meses
Por Redacción |