A Banda de Música de Vilagarcía crea un conflito lingüístico
Por Redacción
A Banda de Música de Vilagarcía rematou o ano xerando unha polémica lingüística que está tendo gran repercusión no inicio deste 2013. No concerto que ofreceu no Auditorio de Vilagarcía o 20 de decembro interpretaron en castelán o poema musicado galego Os Heroes do Orzán de Antón Alcalde. O director da banda, Jesús Nogueira, decidiu traducilo para que o público "o entendese mellor".
Esta decisión xa tivo as súas primeiras consecuencias políticas. O BNG de Vilagarcía emitiu un comunicado en que considera este feito algo inaceptable e "unha aberración e un atentado para a nosa lingua e a nosa cultura o feito de que o PP permita e non condene a tradución". Ademais o grupo nacionalista vai pedir a comparecencia do concelleiro de Cultura no pleno para que explique o que sucedeu "así coma o seu posicionamento ao respecto o cal para nós está claro que vai na liña política españolizadora e fascista levada a cabo polo PP".
O BNG sinala que o concelleiro de Cultura e responsable da área de normalización lingüística, Francisco González, amosa co seu silencio ante a decisión do director da Banda a súa actitude cara a lingua galega. Os nacionalistas inciden en que "se expresa en español en todo momento e incluso se atreve a ironizar ao respecto cando se lle chama a atención nas sesións plenarias" en alusión ás respostas do edil que afirma que "lo puedo hablar y lo entiendo perfectamente".