Poio celebrará a primeira Xuntanza Coloniana premiando ao historiador Philippot
Por Redacción
A celebración da primeira Xuntanza Coloniana xurdiu coa intención de reunir todos os anos aos seguidores da teoría de que Cristóbal Colón era galego. Desta forma, este encontro en Poio servirá para impulsar novas iniciativas e compartir entre diferentes historiadores e estudiosos as propostas ao desenvolvemento deste teoría.
Neste primeiro encontro realizarase unha homenaxe ao historiador Alfonso Philippot Abeledo, que ten o mérito, segundo a organización, de ser o iniciador do rexurdimento desta teoría a partir dos anos 70. Philippot baseouse na conferencia de Celso García de Régaa na Real Sociedade Xeográfica en 1898.
Este autor defende que a identidade do navegante corresponde á de Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga. A súa teoría está baseada nun amplo soporte documental e xenealóxico chegando a revolucionar a investigación sobre a orixe de Colón. Entregaráselle unha peza conmemorativa denominada Coloniano de Honra, que reproduce o cruceiro de Portosanto, ao que a Casa de Colón debe o sobrenome da Casa da Cruz. Na base pode lerse a inscrición "Juan Colón 1490".
O acto, organizado pola asociación Galiza Histórica e polo Concello de Poio, desenvolverase o vindeiro luns 12 de outubro cunha visita inicial á Casa Museo Colón en Poio, coa posterior entrega do galardón ao historiador. O evento finalizará cunha comida de celebración nun coñecido restaurante.