A galería About Art acolle a exposición "Gabinete de Curiosidades"
Por Redacción
A partir do próximo xoves día 1 de outubro, a galería About Art de Pontevedra abre ao público a exposición "Gabinete de Curiosidades".
Carlos Maside, Manuel Torres, Luís Seoane, Laxeiro, Álvaro Cebreiro, Manuel Pesqueira, Eugenio F. Granell, Arturo Souto, Álvaro Cebreiro, Xoán Piñeiro, Tino Grandío, Virxilio, Abreu Bastos, Elsa Pérez Vicente, Sucasas e Acisclo Manzano protagonizan esta mostra, que se poderá visitar en horario de tarde de martes a venres, de 17,30 a 20,30 horas e os sábados de 11 a 14 horas ata o 4 de decembro.
A mostra fai unha chiscadela ás antigas Cámaras das marabillas e os Gabinetes de curiosidades que son o antecedente directo do actual museo, para presentar a un elenco de grandes artistas galegos nados nas primeiras décadas do século XX, entre os que se poden atopar aos principais impulsores do Movemento Renovador da Arte Galega, así como a unha selección de pezas da xeración seguinte.
A galería About Art continúa así cunha das súas liñas expositivas centrada na Vangarda Galega como referente a ter en conta á hora de falar de arte contemporánea en Galicia, expoñendo pezas de creadores como Luís Seoane, Laxeiro, Manuel Pesqueira ou Arturo Souto, dos que destaca o seu compromiso social como principal impulso creador e vital.
Entre as pezas que se poden atopar na exposición, existen curiosidades como unha paisaxe de Manuel Pesqueira, o único coñecido sen figuras humanas realizado polo artista de Lantaño (Pontevedra) e que se expuxo na inauguración do Teatro Principal de Pontevedra sendo presentado polo propio autor.
Outra peza con gran valor simbólico e histórico sería un reatrato realizado por Carlos Maside (San Xulián, Pontecesures, Pontevedra, 1897- Santiago de Compostela, 1958) do artista recentemente falecido e afincado en Pontevedra Ventura Cores, que frecuentaba a galería About Art desde os seus inicios; tamén se pode ver na exposición un debuxo preparatorio de Luís Seoane (Buenos Aires, Arxentina, 1910- Coruña, 1979) para as súas xerras de Sargadelos; unha peza pequena e colorista da primeira época de Tino Grandío (Lousada, Lugo, 1925 - Lugo, 1977), antes de renunciar por completo á cor e pasar á gama de grises que lle caracteriza; un debuxo a cor de Eugenio F. Granell (Coruña, 1912-Madrid, 2001) que no reverso leva escrito a man un poema do seu irmán e tamén artista Mario Granell; ou dúas esculturas miniatura en bronce da primeira época de Acisclo Manzano (Ourense, 1940).