Poio estreará en novembro o seu propio certame de curtametraxes
Por Redacción
Poio contará desde este ano co seu propio certame de curtametraxes. O evento, organizado pola ACDeM Armadiña en colaboración coa Concellaría de Cultura, celebrarase os días 28 e 29 de novembro no Casal de Ferreirós.
A organización acaba de abrir un portal web (http://curtas.armadinha.gal) onde, ademais de ler as bases do concurso, os interesados poderán inscribirse no concurso ata o vindeiro 31 de outubro.
Os finalistas optarán ao premio á mellor curtametraxe, que ascenderá a 500 euros, e a un premio que concederá o público, valorado en 250 euros.
Os trofeos serán dúas pezas escultóricas realizadas polo artista de Combarro Chuco Briones.
Nos próximos días, coñeceranse os membros do xurado e máis detalles sobre a celebración deste novo certame audiovisual.