O FICBueu pecha a súa oitava edición con éxito de público
Por Redacción
A comedia romántica alemá 'Nashron im Galopp' (Rinoceronte ao galope), de Erik Schmitt, levou o primeiro premio do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, dotado con 2.000 euros.
A oitava edición do certame pechouse na noite do sábado coa gala de clausura tras unha exitosa semana, en especial en relación á asistencia de público.
Durante toda a semana, a ritmo de dous pases diarios, o Centro Social do Mar encheuse para ver as cintas a concurso, o que supón "o mellor recoñecemento", sinalou o alcalde de Bueu, Félix Juncal.
O segundo premio do FICBueu foi para a cinta georgiana 'Dinola', dirixida por Mariam Khatchvani, mentres a curta española 'El Corredor', dirixida por José Luís Montesinos, obtivo o premio do público.
Pola súa banda 'Unary' de Luís Avilés foi elixido como o mellor filme galego desta edición.
A coordinadora do festival, Cristina Sanmartín, e tres profesionais do audiovisual como Ana Diz, Anxo Santomil e a actriz Deborah Vukusic, foron os encargados de anunciar aos vencedores das 11 categorías técnicas e artísticas.
Na gala de clausura mandouse ademais unha mensaxe reivindicativa cando César Aldea interpretou un poema sirio que fala do tráxico destino de moitos refuxiados e migrantes que cruzan o Mar Mediterráneo.
Relacionadas:
-
Bandas sonoras e un encontro entre directores darán paso á gala do FICBUEU 2015
Por Redacción |
-
Directores galegos achéganse ata o FICBUEU para presentar as súas curtametraxes
Por Redacción |
-
O Festival de Curtametraxes de Bueu comeza este luns con películas de tres continentes
Por Redacción |
-
Todo listo en Bueu para o Festival Internacional de Curtametraxes máis galego e con máis proxeccións
Por Redacción |