Volven as Núbebes, o festival das artes escénicas máis familiar
Por Redacción
Roque regresou á primeira liña da actualidade e, con el, un anticipo do que será o Festival das Núbebes 2015. Roque é o monicreque estrela deste festival das artes escénicas para bebés e familias e este venres acudiu ao Concello de Pontevedra para presentar a súa terceira edición acompañando a Andrea Bayer, de Baobab Teatro. Agasallo incluído para a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, deron a coñecer un certame que este ano terá máis acento galego ca nunca.
A programación do Festival das Núbebes deste ano é "100% galega" e fundamentalmente de xente de Pontevedra, coa organización a cargo da compañía pontevedresa Baobab Teatro e a participación de Migallas Teatro -con Beatriz Campos e Davide González-, Marcelo Dobode, Arantza Alfaia, Titereficciós, La Flauta Mágica, Ana Seoane, Sara Rodríguez, Caramuxo Teatro, Sonia Carbón, L'arpeiras, Pavís Pavós, asociación Tetameiga, Familia María Fumaça e Begoña Paz, entre outros.
O festival celebrarase en espazos da Casa Azul, a praza do Teucro, a Casa das Campás e o Teatro Principal entre os días 18 e 20 e 25 e 27 de setembro e, como nas dúas edicións anteriores, combina teatro, contos, música, danza e obradoiros para profesionais e familias, consolidándose como unha cita de referencia en Galicia e afianzando a proxección de Pontevedra no ámbito do teatro infantil. "Temos o mellor do mellor", reivindicou Carmen Fouces.
As Núbebes chegan, segundo Fouces, para traer un sopro de aire fresco "a pesar de que a realidade e teimudo e nos quere entristecer a todos con dramas humanos" e para demostrar que en Pontevedra "hai un compromiso coa infancia, coa cultura, coa igualdade e coa discapacidade".
Ademais, en opinión da concelleira, este festival supón a constatación de que a industrial cultural tamén é unha fonte de riqueza, pese a que "parece que os postos de traballo e a riqueza sempre están ligadas a unha chimenea botando fume e non é verdade, tamén están unidos á industria cultural".
A cita deste ano trae novidades. Unha delas está destinada a evitar as colas de xente que se crean cada ano no Teatro Principal e a situación de familias que quedan sen poder entrar ás actividades por falta de aforo. As entradas poranse a venta unha hora antes do inicio dos espectáculos en horario de mañana e tarde na taquilla para que todos os interesados teñan oportunidade de asistir algún dos eventos e retomará os obradoiros para profesionais. A inscrición aos catro obradoiros farase on line, a partir do luns no correo inscricion@baobabteatro.com e as prazas cubriranse por orde de chegada da inscrición.
O programa pode consultarse aquí.
Relacionadas:
-
Os máis novos da casa, outra vez protagonistas no Festival das Núbebes
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Festival Núbebes comeza este venres 18 con teatro, contos, música, danza e obradoiros para os bebés
Por Redacción |
-
Núbebes despide a súa segunda edición tras unha divertida fin de semana
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Éxito do Festival das Núbebes, que esgota todas as localidades na súa primeira fin de semana
Por Diego Torrado |