Doce olladas, doce camiños cos que volver á orixe da moda
Por Redacción
Doce formas de botar unha ollada ás orixes da moda, doce formas de amosar o lado máis descoñecido da creación. ÿ a proposta da exposición Camiños no deseño. A terra na orixe, un proxecto promovido pola Fundación Camiño Portugués de Santiago co apoio de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, e comisariada pola profesora e investigadora Lola Dopico. Pódese visitar ata o vindeiro 3 de febreiro no Pazo da Cultura.
"As propostas presentes na exposición relaciónanse dalgún xeito coa paisaxe, a estrutura dos montes, a arxila que deles xorden e os xuncos das ribeiras", afirma Lola Dopico, que explica que os autores da mostra botaron man de materiais que están na orixe, "ás veces de xeito evidente, noutras ocasións máis soterradamente, pero queriamos prestar atención nesta revisión á importancia da dimensión ambiental".
Doce obras coas que, en opinión de Dopico, volver a ollada ás pegadas deixadas nos modos de facer e nos recursos produtivos dos deseñadores a través da existencia dunhas industrias artesanais e duns oficios que tiveron un impacto produtivo e cultural de gran percorrido en Galicia, algúns de tanto impacto e tradición como Sargadelos e outros tan ligados á paixase e aos tempos agrícolas como a cestaría.
Partindo da idea do camiño como vía persoal de avance, superación e proceso, os doce artistas que participan na exposición amosan os seus propios camiños de exploración e indagación. Maioritariamente vinculados a Esdemga e con moita relación coa cidade de Pontevedra, a mostra conta con traballos de Sara Coleman, Fernando Suarez, Jessica García, Silvia Moure, Saray Fernández Marqués, Isabel Mastache, Eva Soto, Silvia García, Esther Lebrato, Mercedes García, Xabier Lorenzo e De-Due Lab, o equipo creativo formado por Charo Froján e Alfredo Olmedo.
"Tradición e contemporaneidade, produción local e mercado global, series limitadas fronte a produción de masas, un camiño aberto e cheo de interrogantes pero un espazo de produción artística plenamente actual", subliña Dopico, que indicou que destaca a presenza de "ás veces obxectos únicos, ás veces instalacións, obras efémeras ou coleccións de prototipos seriados, vencellados a técnicas e oficios ancestrais."
A mostra, de entrada libre, pode visitarse de martes a venres de 17.00 a 21.00 h; os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h e os domingos de 11.00 a 14.00 horas.