Despois da Batalla... festa rachada para os nenos!!!
Por Diego Torrado
Os máis pequenos foron os protagonistas durante a tarde do xoves 14 das Festas da Peregrina porque tras a colorida Batalla de Flores, moitos dos nenos se achegaron acompañados polos seus familiares ata a Praza de España para gozar do espectáculo 'A Gran Festa das 15 primaveras'.
O grupo musical Mamá Cabra fixo as delicias dos miles de pequenos cos seus diferentes ritmos. A cantante Uxía Senlle presentou o proxecto 'María Fumaca', un libro que propón o optimismo e a integración daquelas persoas que sofren unha discapacidade. Outros convidados a este festival foron Maxín Branco, Sergio Tannus e o dúo Pablo Díaz e Olga Kirk co seu espectáculo 'Tic Tac'.
Para este venres 15 haberá durante a mañá pasarrúas e actuacións musicais. A partir das 19.00 horas desenvolverase unha exhibición de taekwondo na Praza da Peregrina. Media hora máis tarde, Baobab Teatro presenta 'Bailando cos contos' na Praza do Teucro.
Ás 21.00 horas, a Praza da Ferrería acolle o concerto da Banda de Música de Salcedo con Odaiko Percusión. E xa ás 22.30 na Praza de España, Os Cempés e a cantante galega Sés ofrecerán un novo concerto gratuíto.