Os máis "cañeiros" gozaron con Jhonander e WarCry no primeiro concerto das festas
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/e0f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/57c3f9decc-img-20160829-wa0030.jpg)
Por Diego Torrado
Primeiro concerto musical dentro da Semana Grande das Festas da Peregrina e primeiro éxito de asistencia porque a praza de España se encheu de seguidores do rock potente.
A banda pontevedresa Jhonander actuou como entrante ofrecendo os seus últimos temas ante os seus seguidores que se amontoaban ante o escenario. Jesús Vidal (voz e guitarra), Pedro Vidal (guitarra), Miguel Vidal (batería) e Bucho Centeno (baixo) mostraron o seu talento demostrando, como eles mesmos sinalan na súa páxina de Facebook, que moitas veces a única diferenza entre unha banda local e un grupo de primeira é o tamaño do escenario.
A continuación, a banda asturiana de metal WarCry ofreceron un concerto cheo de forza que entusiasmou aos seus fans. A banda liderada por Víctor García demostrou a súa evolución dende as súas orixes no ano 2001 cando as súas cancións facían referencia a temáticas mitolóxicas ata a actualidade, con referencias a problemas sociais.
Este domingo ás 22.30 horas continuarán as actuacións musicais na Praza de España. M-Clan, a banda de rock de Carlos Tarque e Ricardo Ruipérez, realizará un repaso a toda a súa carreira e presentarán algúns dos temas do seu próximo traballo discográfico que está previsto que saia ao mercado en setembro.
Concerto de WarCry nas Festas da Peregrina
© Diego Torrado
Concerto de Jhonander nas Festas da Peregrina 2015
© Diego Torrado