Máis de 20 concertos celebraranse no Festival Revenidas de Vilaxoán do 21 ao 23 de agosto
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Vilaxoán volverá celebrar o Festival Revenidas que chega este ano á súa duodécima edición. A vila do concello de Vilagarcía de Arousa acollerá do 21 ao 23 de agosto un completo programa de concertos coa participación de bandas como a estadounidense SOJA, a canadense The Mahones ou a italiana Banda Bassotti.
Este venres presentouse este evento coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, do director do Agadic, Jacobo Sutil e o deputado provincial de Cultura Xosé Leal.
No cartel deste ano inclúese a actuación durante o venres 21 de La Raíz, Banda Bassoti, Zoo, Liska, Nao, Dakidarría, The Eskies e Poetarras. O sábado 22 será a quenda para The Mahones, Familia Caamagno, Terbuliana, Spin Te Kú, Leo i Arremecaghona e Kasernarat, ademais de Heredeiros da Crus. O Festival despedirase cunha sesión vermout a cargo de Swindigentes e Blues do País, para finalizar na noite do domingo 23 co grupo SOIA, Los Chicos del Maíz,Xenderal e Rulassie Selektah.
Entre as actividades gratuítas destaca o encontro familiar da Sardiñada Popular Revenidas que se celebrará o sábado e a Gala Solidaria na que participarán diferentes compañías do novo circo para recadar fondos para os campos de refuxiados do Sahara.
As entradas e bonos para asistir están xa á venda na web de ataquilla e nos establecementos que se poden consultar na páxina de Revenidas. A organización habilitará dúas zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan de entrada.