'El eterno comienzo' de Pedro Solveira no Sexto edificio do Museo
Por Redacción
O Sexto edificio do Museo de Pontevedra acolle dende este venres 5 a mostra de Pedro Solveira que leva por título 'El eterno comienzo', na que se recolle a traxectoria deste artista vigués que leva máis de sete décadas de actividade autodidacta e converténdose nun dos principais referentes da plástica galega.
O artista estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que destacou o amplo recoñecemento internacional de Solveira. Neste acto tamén participaron o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, o crítico de arte Antón Castro e os comisarios da mostra, Alicia Garrido e Carlos Solveira.
'El eterno comienzo' recolle preto de 170 obras do artista de Teis realizadas, dende o ano 1944, a través de diferentes técnicas. O creador experimenta coa técnica da litografía creando marcas propias como a pintura e o esmalte sobre ferro cicelado ou a oxidación sobre ferro cicelado. Os seus traballos deixaron pegada en países como Venezuela, Arxentina, Francia, Italia, Xapón, Alemaña, Estados Unidos, Brasil ou Portugal.
A exposición permanecerá aberta ata o 5 de xullo.