Os de "detrás"
Por Oskar Viéitez & Daniel Santomé
Para gran parte da cidadanía son coñecidos de sobra. Están en todas as partes. Subindo a sitios insospeitados ou tirados polo chan. Son o ollo público, os "foteros", os de "detrás" da cámara.
Agora que todos levamos unha cámara de fotos no peto, cando a tecnoloxía popularizou a fotografía, é cando entendemos que non sabiamos nada. Que unha foto a fai calquera pero que iso do fotoxornalismo non é unha técnica, senón un xeito de mirar.
É dicir: non se trata de Canon ou Nikon, senón de Mónica Patxot, Diego Torrado, Ramón Capotillo, Javier Cervera- Mercadillo, Yael Domínguez, Rafa Fariña, David Freire, Ramón Leiro, Alba Sotelo Leal, Miguel Vidal, Rafa Vázquez e Gustavo Santos.
Claro que quedan sen citar moitos nomes, pero estes doce son os elixidos para mostrar os seus traballos no Edificio Sarmiento na exposición "Pontevedra no obxectivo".
Non son artistas, son xornalistas, pero agora están nun museo. É o que ten o talento que fai transcender a quen o atesoura.
A exposición que este xoves se inaugurou no Sarmiento é tamén unha magnífica oportunidade para o público para gozar destes traballos en gran formato. Imaxes da vida cotiá, noticias, retrato, deportes, festas, tradicións e relixión, Pontevedra na mirada destes profesionais da lente.