Exposición coa banda sonora de toda a vida
Por Oskar Viéitez
Reinterpretar desde a arte unha canción popular, plasmar de xeito gráfico aquilo que transmite unha peza musical que representa unha cultura e unha tradición. Eses eran os obxectivos dun proxecto internacional de edición gráfica que desde esta xornada amosa os seus resultados na Sala X.
Na exposición Rimas polo mundo, que ata 29 de maio se poderá ver neste espazo expositivo da Facultade de Belas Artes, reúnense os gravados ou serigrafías realizadas polo alumnado de doce facultades e escolas de arte de oito países, entre os que se atopan 18 estudantes deste centro do campus pontevedrés, que achegan á mostra as súas visións da Saia da Carolina, a canción infantil Debajo de un botón e da panxoliña Hacia Belén va una burra.
“Esta é unha exposición con banda sonora”, resaltou o coordinador da Sala X, Ignacio Barcia, dunha mostra comisariada pola profesora Anne Heyvaert, no acto inaugural.
De feito, ademais das obras que ao longo do presente ano se irán exhibindo en todos os centros participantes no proxecto, a exposición complétase coa proxección dos vídeos nos que os estudantes participantes interpretan as cancións que escolleron.
Relacionadas:
-
Dúas licenciadas en Belas Artes reflexionan sobre o paso do tempo na Sala X
Por Redacción |
-
Jazz, cine e coloquios conforman a base das propostas culturais da Universidade para a primavera
Por Redacción |
-
Retratos dun barrio de Tokio, protagonistas da exposición en Pontevedra do fotógrafo xaponés Hiroh Kikai
Por Redacción |