Andrés Ibáñez e Lorenzo Oliván, gañadores dos premios da crítica literaria fallados en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Poucos premios teñen tanto prestixio como os que concede cada ano a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956. Practicamente todos os grandes escritores das catro linguas oficiais do Estado teñen un destes recoñecementos, segundo Ángel Basanta, presidente deste colectivo, que nesta ocasión escolleu a cidade de Pontevedra para anunciar os gañadores da 60 edición destes galardóns.
Nun acto celebrado no Café Moderno, un lugar cunha profunda tradición literaria, desvelouse que o escritor madrileño Andrés Ibáñez pola súa novela Brilla, mar del Edén e o cántabro Lorenzo Oliván co poemario Nocturno casi foron recoñecidos como os mellores libros de narrativa e poesía, respectivamente, publicados en España en 2014.
O xurado sinala que Brilla, mar del Edén é unha obra "excelente" sobre a loita pola supervivencia dos pasaxeiros dun avión accidentado no Pacífico. "Innovadora e arriscada", esta novela de máis de 800 páxinas destaca pola súa "complexa composición" a base de relatos, construídos cun estilo "coidado" e "homenaxes á tradición literaria máis culta".
En canto ao poemario Nocturno casi, destacaron que é un libro de "indagación poética, metafísica e existencial" sobre temas como a palabra, o mundo e o ser, presentados cunha "linguaxe depurada". O xurado eloxiou a "sensibilidade, intelixencia e emotividade" dos versos de Lorenzo Oliván, que entroncan "coa tradición da poesía do pensamento".
PREMIOS EN CATALÁN, GALEGO E ÿUSCARO
En lingua catalá, o premio de narrativa foi para Els nois (Os rapaces) de Toni Sala e o de poesía recaeu en Ningú més i l'ombra (Ninguén máis e a sombra) de Màrius Sampere; mentres que en lingua vasca se impuxeron Iazko hezurrak (Os ósos de antano) de Unai Elorriaga e Piztutako etxea (A casa acendida) de Felipe Juaristi, respectivamente.
Pola súa banda, en lingua galega, o premio en narrativa foi para Zapatillas Rotas de Xabier Quiroga, unha obra sobre a busca da identidade protagonizada por un ancián que foxe dun xeriátrico. O xurado destacou a "mestría" do autor na combinación de recursos narrativos, así como o tratamento da vellez cunha "visión crítica e case cáustica", que tamén dá pé ao "humorismo e o divertimento".
A obra galardoada en poesía foi Celebración de Gonzalo Hermo, do que destacaron o "contexto pletórico de carnalidade" deste poemario sobre o paso do tempo e o interese do autor por "crear algo novo dende as ruínas existentes".
Ao remate do acto o presidente da asociación española de críticos, Ángel Basanta, subliñou a "moi boa saúde literaria" que constatou o xurado, con "máis de media ducia de libros que se podía ter levado o premio" tanto na sección de narrativa coma en poesía. Estes premios non teñen consignación económica, pero o seu prestixio fai que "non se pode comprender a historia da literatura nas catro linguas" sen eles.