Pontevedra volve calmar a súa "sede de mal"
Por Diego Torrado
Levan máis dun ano de xira e previamente xa tiveran unha cita cos pontevedreses no Teatro Principal e a Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, pero Luis Iglesia B. e Xabier Deive volveron atraer a atención dos espectadores co seu espectáculo de comedia e música en directo Sede de mal. Os actores regresaron este sábado a Pontevedra na súa xira de despedida da obra.
Durante uns 70 minutos de función na sede de Afundación, Luis Iglesia B. e Xabier Deive deron renda solta unha vez máis -e xa van tres na cidade- ao seu lado máis salvaxe e divertido e os espectadores puideron comprobar por que a compañía define o espectáculo como "unha comedia a 12 cordas sobre o lado escuro da vida".
Humor, teatro, música en directo con blues e rock and roll "á galega" con dous dos personaxes máis importantes da escena galega dos últimos anos, coñecidos especialmente polo seu papel na serie Matalobos, que ofrecen ao seu público unha comedia da vida, unhas ensinanzas evanxélicas, un "leit motiv para non ser un pimpín. Ou queredes ser pimpines? ", din con toda a ironía posible os dous actores.
Explican que se trata dun paradigma de humor e música en directo con blues e rock que non deixa monicreque con cabeza na orde establecida coas súas voces, cancións e diálogos. Todo iso aderezado cos seus traballados textos e unha moi interesante proposta musical en directo, logran enganchar o público con reflexións e preguntas sobre a vida mesma.
A produción, de Boneca Lareca, chega da man de Culturactiva e conta cun guión a seis mans entre Carlos Santiago e os propios protagonistas, Luis Iglesia e Xabier Deive.
Relacionadas:
-
"Al final de la carretera", unha divertida mirada á crise dos 40, chega este sábado a Pontevedra
Por Redacción |
-
Luis Iglesia e Xabier Deive despiden o 11 de abril a súa "Sede de mal" cunha última función en Pontevedra
Por Redacción |
-
Luis Iglesia e Xabier Deive volven a Pontevedra con "Sede de Mal", o seu novo espectáculo
Por Redacción |
-
Luis Iglesia: "Carmelo Matalobos foi un dos meirandes agasallos que me fixeron na miña vida"
Por Alejandro Espiño |