Luis Iglesia e Xabier Deive volven a Pontevedra con "Sede de Mal", o seu novo espectáculo
Por Redacción
Dous dos grandes actores da escena galega actual, Luis Iglesia e Xabier Deive, coñecidos polo seu traballo la serie Matalobos, volven a presentar un dos seus espectáculos en Pontevedra. Trátase de Sede de Mal, unha obra con diálogos cargados de humor e maldade, música en directo e a mestría que caracteriza os seus protagonistas. Poderemos vela o domingo 23 de febreiro, ás 19.30 horas, na SCD Mourente.
Para público adulto, dous dos "malos oficiais de Galicia", segundo eles mesmos din, chegan a Mourente para non deixar títere con cabeza na orde establecida coas súas voces, cancións e diálogos. Unha "comedia a 12 cordas sobre o lado escuro da vida" coa que os dous actores, cos seus traballados textos e unha moi interesante proposta musical en directo, logran enganchar o público con reflexións e preguntas sobre a vida mesma.
Humor, teatro, música ao vivo con blues e rock and roll "á galega" con dous dos personaxes mais importantes da escena galega dos últimos anos que ofrecen ao seu público unha comedia da vida, unhas ensinanzas evanxélicas, un "leit motiv para non ser un pimpín. Ou queredes ser pimpíns?", din con toda a sorna posible os dous actores, que neste espectáculo dan renda solta ao seu lado máis salvaxe e divertido.
As entradas para asistir a este espectáculo teñen un prezo de 6 euros para os socios da SCD Mourente e de 8 euros para o público xeral. Se se adquire na billeteira o día da función custará 10 euros. Poden mercarse de xeito anticipado na mesma SCD Mourente ou no Quiosco Caffe Lounge (Praza da Liberdade).