Cultura Quente regresa 'roqueiro' a Caldas: Los Suaves, Rosendo, La Fuga e Novedades Carminha
Por Redacción
Catro anos despois da súa última edición, o festival Cultura Quente regresa a Caldas de Reis. Faino apostando claramente polo rock. Los Suaves -en plena xira de despedida dos escenarios-, Rosendo, La Fuga e Novedades Carminha completan o cartel dunha cita cultural que se celebrará na carballeira do municipio pontevedrés o próximo sábado 20 de xuño.
Para a organización do festival, non hai formación máis indicada para abandeirar este novo ciclo que Los Suaves. Un concerto seu en Caldas no ano 1997 foi o xerme de Cultura Quente, que iniciou a súa andaina xusto un ano despois. O círculo péchase con este concerto da súa xira de despedida dos escenarios, que incluirá dende temas clásicos a outros novos e un grande espectáculo con pirotecnia.
Pola súa banda, Rosendo foi líder de dúas míticas bandas deste país, ÿu e Leño. Con estes últimos consagrouse no panorama rock. Dende hai 30 anos realiza unha acreditada carreira en solitario. Maneras de vivir sempre será a banda sonora dos seguidores deste grande roqueiro, que unha vez máis co seu novo álbum Vergüenza torera busca dar un toque de atención ao que o rodea, non quedando indiferente ante a inxustiza social.
Con máis de 700 concertos ás súas costas nunha decena de xiras e 10 discos publicados ata a data, a de La Fuga é unha historia de constancia e rock and roll. Agora volven con Más de cien amaneceres, a consolidación dunha nova etapa marcada polo espírito de banda. En definitiva, unha carreira salpicada de cancións convertidas en himnos.
Sen perder un ápice de frescura e irreverencia xuvenil, Novedades Carminha están a arrasar co seu novo álbum de estudo. Sensible pero canalla, Juventud infinita evoluciona cara a terreos musicais onde a contundencia do garage se dá a man co pop máis pegadizo, con tinguiduras de psicodelia e punk a partes iguais.
As entradas xa están á venda en Ticketea e Ticketmaster a un prezo de 20 euros máis gastos de xestión.
DATOS SOBRE O FESTIVAL
O festival Cultura Quente celebrouse ininterrompidamente na carballeira de Caldas de Reis dende 1998 ata 2011, ano en que tivo lugar a súa décimo cuarta e última edición ata a data, na que congregou 9.000 persoas.
Durante todo ese tempo, foi todo un exemplo de dinamización cultural e turística da área desta localidade pontevedresa, que ten unha poboación de 10.000 habitantes.
Un festival popular a prezos alcanzables, para gozar do ámbito natural de Caldas, xunto ao río, baixo unha carballeira centenaria, cunha acústica inigualable e o rock como denominador común. Un exemplo de consolidación e crecemento sostido.