A Mesa entregará en Pontevedra os seus premios anuais a entidades que apostan polo galego
Por Alejandro Espiño
A Asociación de Docentes de Portugués en Galiza e a rede social Tuenti recibirán o mércores 19 de decembro os premios Vía Galego e Abertos ao Galego, respectivamente, que lles entregará a Mesa pola Normalización Lingüística pola súa posta en valor do noso idioma. Será nunha ceremonia que se celebrará no Pazo Mugartegui de Pontevedra.
O Premio Vía Galego, que recoñece cada ano ás persoas ou entidades que melloran as relacións entre Galicia e outros territorios do seu sistema lingüístico, premiará este ano á Asociación de Docentes de Portugués en Galiza. A súa actividade, din desde a Mesa pola Normalización Lingüística, axuda a mellorar a falta de coñemento e comunicación con territorios do noso sistema idiomático.
Abertos ao Galego é o proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para a dinamización do galego no ámbito empresarial. A creación do Premio responde ao obxectivo de prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e que o van incorporando ao seu traballo diario. O xurado valorou moi positivamente o impacto que ten Tuenti entre a mocidade, ademais da relación entre galego e uso das novas tecnoloxías.
Ademais, segundo explicou o voceiro en Pontevedra de A Mesa, Nacho Carballal, estes premios servirán como homenaxe a todas aquelas persoas que participaron nas campañas en defensa do galego. Neste sentido, celebrou a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o decreto do galego, "tras catro anos de desgoberno do PP".
Ao acto, que se celebrará ás 20:30 horas, acudirán, entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.