"Identidades colectivas", unha exposición sobre o entendemento entre artista e o espectador
Por Redacción
Catro profesores e artistas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Alberto Valverde, María Castellanos, Sara Goberna e Ana Seoane, protagonizan Identidades Colectivas, unha exposición que se pode visitar na Sala X de dita facultade. Todos eles reflexionan sobre a identidade do artista, para concluír que tamén se ve implicada nunha obra a identidade do espectador, "tanto no modo de reaccionar, empatizar e observar ou dialogar coa creación".
Como explican os propios artistas, nunha mesma cultura e contorna social é sinxelo "que nos vexamos reflectidos e identificados na cultura visual do momentos pois os seres humanos somos seres sociais e gústanos sentirnos integrados no noso contexto máis próximo". Así, no compendio de obras que se aglutinan neste proxecto expositivo, móstrase a intención "común" de implicar ao espectador "directamente como partícipe da obra", de forma que o visitante non sexa soamente unha parte pasiva deste proxecto artístico colectivo.
"Ao pasear pola sala e poñerrse en fronte das pezas, queremos que se converta en parte activa da mesma, en sinerxía con elas e como último chanzo da mostra", sinala María Castellanos, para finalmente crear unha relación latente no tempo entre artista e espectador.
A heteroxeneidade técnica caracteriza a esta mostra colectiva da Sala X, con manifestacións artísticas "moi variadas" que van dende as instalacións interactivas Humano Perfecto de Alberto Valverde e Piel digital de María Castellanos, ata as pinturas de Ana Seoane con traballos da serie Como gustéis ou as intervencións téxtiles de Sara Goberna.
Valverde afonda na súa investigación sobre o desenvolvemento tecnolóxico e a súa conexión co ser humano presentando pantallas interactivas que converten ao espectador en protagonista temporal da obra ao ver reflectida a súa imaxe e confundida cos trazos do personaxe proxectado. Pola súa banda, María Castellanos emprega un motivo recorrente nas súas prácticas artísticas, a análise das relacións entre corpo, tecnoloxía e arte e como esta confluencia inflúe no propio ser humano.
Ana Seoane expón varios óleos sobre papel nos que dá a ver "inmensos" espazos de baleiro e silencio nos que se distingue xente anónima sen identidade precisa "incapaces de formar una masa humana sen referencias de ningún tipo". A mostra complétase coas pezas téxtiles de Sara Goberna, titulada de Belas Artes en 2011.
Esta exposición colectiva de artistas e profesores da Facultade de Belas Artes poderase visitar na Sala X ata o vindeiro 25 de xaneiro de 2013 de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas.