A enerxía de The Dustaphonics invadirá a Sala Karma este martes 10 de febreiro
Por Redacción
A banda londiniense The Dustaphonics regresa a Pontevedra. Despois de ser unha das grandes apostas do pasado festival Surfing The Lérez, volveron incluír á cidade na xira que protagonizarán durante estes días por España. En concreto, actuarán na Sala Karma este martes 10 de febreiro, a partir das 22.00 horas.
Tras León, Zaragoza e Santander, The Dustaphonics presentará en Pontevedra o seu último disco, Big Smoke London Town. Nel, este grupo que está considerado como un dos máis importantes da escena retro europea dá renda solta a un estilo que, segundo os críticos, mestura á perfección o high-energy rock and roll, o groovy soul, o rhythm & blues e un auténtico surf salvaxe e instrumental.
Ademais, a poderosa voz e presenza de Hayley Red, a cantante máis explosiva da escena londiniense, fai que os seus concertos sexan verdadeiras bacanais de baile e desenfreo.
The Dustaphonics está liderada por Yvan Serrano-Fontova, DJ, compositor, produtor e guitarrista londiniense. Artista ecléctico, cuxa música fusiona influencias tan diversas como soul, rocksteady, afrobeat, samba, R&B, boogaloo, música latina ou surf, entre outras, combinadas cunha liña electrónica que o converten nunha proposta moi recomendable para os que gocen coa vertente máis bailable e orgánica da 'blacktrónica'.
As variadas influencias musicais presentes no son de The Dustaphonics son esencialmente americanas e vintage, e non obstante hai algo moi fresco e progresista nas súas cancións. A banda toca cunha actitude claramente de Londres e leva a súa música máis alá da simple imitación e infúndelle unha enorme enerxía e paixón, como xa demostraron o pasado mes de xuño na Illa das Esculturas.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de oito euros -se se compran de forma anticipada-, pódense adquirir en Pequeno Karma, Bullit Store e www.ticketea.com. En despacho, o día da súa actuación, custarán doce euros.
Relacionadas:
-
A banda vasca John Berkhout actuará o sábado 21 de febrero na Sala Karma
Por Redacción |
-
Is Tropical fai vibrar á Sala Karma de Pontevedra cun concerto cheo de enerxía, ritmo e boa onda
Por Alejandro Espiño |
-
Furious Monkey House enche a Sala Karma días antes de ir a Londres a gravar o seu primeiro disco
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |