Pontevedra, capital da cultura galega: Culturgal consolida o seu éxito na súa sétima edición
Nin a ponte festiva, nin o bo tempo que animaba a pasear pola cidade nin, moito menos, as compras do Nadal. Nada puido coa forza do Culturgal. O público ten 'fame' de cultura galega e demostrouno, unha vez máis, enchendo masivamente o Recinto Feiral de Pontevedra. Case 9.000 persoas visitaron nos dous primeiros días a Feira das Industrias Culturais de Galicia, unha cifra que supera á do ano pasado e que referenda o éxito desta aposta común do sector.
O cobro dunha entrada, que se realizaba por vez primeira para axudar a que feira sexa rendible e para poñer en valor o traballo do sector cultural galego, non desanimou o público. Todo o contrario. Nunca antes, nas seis edicións anteriores -todas elas coa entrada de balde-, tanta xente se achegara a Pontevedra para gozar desta completa e variada oferta cultural para todos os públicos.
Esta segunda xornada do Culturgal acolleu, entre outras actividades, a presentación da nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, así como a posta de longo de novas revistas dixitais no eido cultural como o Magazine Cultural Galego, Criaturas ou DisqueCool.
Foron moitas tamén as editoriais que elixiron Pontevedra para avanzar as súas novidades literarias. Kalandraka apostou, por exemplo, pola versión en galego de A cidade dos nenos de Francesco Tonucci; mentres que Urco Editora presentou Flash back 13 de Ramón Caride, Xerais fixo o propio con O polbo e a súa cociña de Matilde Felpeto ou AGAL, que apostou por Galiza, un povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira.
Houbo tempo ademais para conversas con María Reimóndez, autora de Desde o conflito; Xabier Quiroga, autor de Zapatillas rotas; Suso de Toro, autor de Somnámbulos; Alberto Ramos, autor de Máscaras rotas para Sebastián Nell; ou Santiago González Lopo, autor de A diagonal dos tolos.
A música reclamou o seu protagonismo, especialmente, co concerto de Caxade e a Banda de Música de Bandeira no Pazo da Cultura. Pero tamén coa presentación dos novos traballos discográficos de Roberto Sobrado, Arrythmia, Piti Sanz, a Orquesta Gharbo de Nelson Quinteiro ou as baladas galegas de Juan Montes. E, como non, co avance do que será Lúas de outubro e agosto, o proxecto en solitario de Guadi Galego, integrante de Berrogüetto.
O audiovisual galego, pola súa banda, tamén tivo o seu oco nesta segunda xornada da feira. Fíxoo coa proxección da película Encallados de Alfonso Zarauza e cun maratón de webseries, durante o cal puidéronse ver episodios de produción galegas como Poetarras, Clases de lo social, Dalle Jas!, De volta ao rural, Fame ou Interfecto. Os asistentes puideron participar nun interesante coloquio cos actores e creadores de todos estes proxectos.
E polo espazo dedicado ao público infantil pasaron, entre outros, os espectáculos Antía, Wamba e o ritmo do camiño ou Peor imposible, da compañía Peter Funk; ou os libro-discos Estamos no verán de Charo Pita e Xoán Curiel, Pitusa Semifusa de Olga Brañas, Unha viaxe polo mundo de As Maimiñas e Brinca Vai! De aquí a acolá de Paco Nogueiras e David Pintor. Tamén houbo un encontro coa narradora Soledad Felloza, premio europeo Cociña de Contos.
Relacionadas:
-
Domingos do Principal 2015, sete obras para crear público "crítico, fiel e educado" entre os máis novos
Por Alejandro Espiño |
-
O Culturgal da "consolidación" bate récords: case 15.000 persoas en tres días e anuncia a súa volta no 2015
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
'A cidade dos nenos' de Tonucci xa ten versión galega, editada por Kalandraka en Pontevedra
Por Redacción |
-
Caxade namora o público do Culturgal no seu concerto coa Banda de Música de Bandeira
Por Redacción |
-
Ciencia e ficción, xuntos nun Salón do Libro Infantil e Xuvenil que amplía a súa duración a un mes
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Culturgal 2014 é a "demostración de forza" dun sector galego no que traballan 24.300 persoas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |