DOCBUEU busca alternativas á crise
Por Redacción
O ciclo DOCBUEU, o mundo que vostede non ve continúa os venres de decembro coa proxección dos títulos Deudocracia, O pesadelo de Darwin, A cala e O mundo segundo Monsanto. A sesión deste venres contará cun documental realizado por un grupo de mozos xornalistas gregos que analiza a crise económica do país desde un punto de vista crítico. A cita é ás 22 horas no Centro Social do Mar de Bueu, con entrada de balde.
Deudocracia propón alternativas e apunta a responsabilidade dos gobernantes, intermediarios dos culpables reais: institucións económicas coma o FMI. Diversos persoeiros ofrecen o seu punto de vista sobre a situación do país heleno, pero tamén aplicable na actualidade ao caso español. A cinta pon o exemplo de países latinoamericanos que se negaron a pagar e aposta por unha auditoría internacional que identifique os responsables e amose a ilegalidade de aboar unha débeda xerada polos delitos dalgúns.
Esta película é un proxecto realizado cos cartos conseguidos polas doazóns de coñecidos e seguidores a través de internet, o mellor método segundo os seus creadores para evitar problemas de dereitos e presións.
Deudocracia. Fonte: Youtube