Simone Saibene e a actriz Isabel Risco presentarán a película "9 ondas" no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
Tras a proxección da película Encallados, o Teatro Principal de Pontevedra volve acoller a emisión dunha longametraxe galega. Será este mércores 5 de novembro ás 21.00 horas e o protagonista será o filme 9 ondas, escrito e dirixido polo italiano Simone Saibene. Así concluirá este breve ciclo de proxeccións que, debido ao seu éxito, continuará no 2015 cunha oferta máis ampla, segundo avanzou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.
"Os directores están facendo grandes cousas no noso país e paga a pena que o gran público as coñeza", destacou Anxos Riveiro. E unha delas é esta película que, segundo o seu creador, é un filme que fala sobre a identidade e presenta unha historia "moi vital, que convida a esquecer o pasado, os recordos, que da opción a escoller onde queres estar e quen queres ser de verdade". Responde, dixo, a un afán por facer cine "neorrealista, sen artificios, de autor".
Rodada integramente entre Pontevedra e Ourense, mestura no seu reparto actores e actrices coma Isabel Risco, María Trasende, Miguel Manzano ou o italiano Darío Merlini, con non profesionais que se comportaron como tal. Foron dous anos de traballo para sacar adiante este proxecto, financiado a través de crowfunding e cun presuposto total de 23.000 euros, fondos aportados por un total de 239 persoas.
9 ondas parte da historia dun home que, tras beber dunha fonte situada na fronteira entre Galicia e Portugal, perde a memoria e todos os seus recordos. A partir comezará o seu camiño para buscar a súa identidade, unha viaxe con certas achegas antropolóxicas que o levará por moitos lugares do noso país que teñen unha simboloxía especial.
De este e outros aspectos da película, tales como a produción e a distribución, poderase falar unha vez rematada á proxección no coloquio que se establecerá e no que participarán o propio Saibene, Isabel Risco e outros actores, xa que tal e como afirmou o director "fago películas para crear un debate entre público e creador e poder falar entre todos deste tema tan complexo e interesante que é a identidade".