Un concerto da pianista Marianna Prjevalskaya abre a tempada da Sociedad Filarmónica
Por Redacción
A Sociedad Filarmónica de Pontevedra dará comezo o próximo luns 27 de outubro a súa tempada número 94. Será cun concerto que estará a cargo de Marianna Prjevalskaya, unha das pianistas españolas máis destacadas da actualidade. A súa actuación na tempada pasada como solista coa Orquestra Sinfónica de Galicia na Coruña e Vigo constituíu todo un éxito de crítica e público. Será en Teatro Principal, a partir das 20.30 horas.
Dende a súa xunta directiva aseguran que esta nova tempada se inicia co entusiasmo de sempre. A pesar de que diminuíu considerablemente o número de socios como consecuencia da crise e a Sociedade segue sen apenas apoios, "deseñouse con moito esforzo unha programación que ten como buques insignias a calidade e a variedade, e adaptouse a preferencias e gustos moi plurais".
A Sociedad vai seguir apostando por figuras consolidadas da escena musical, como é o caso dos pianistas Marianna Prjevalskaya e Sergei Yerokhin, ou a extraordinaria soprano granadina María José Moreno, que actuará o 22 de decembro, nun atractivo concerto de música barroca, acompañada polos instrumentos de época da Camerata Boccherini.
Visitará ademais a Sociedad un dos conxuntos de cámara máis interesantes da actualidade a nivel internacional, The Tempest Trío (20 de xaneiro); así como o Cuarteto del Pino (23 de febreiro), cun vello e admirado coñecido da Sociedad Filarmónica de Pontevedra ao piano, Daniel del Pino, acompañado por tres destacados membros solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Na tempada que agora comeza ofreceranse, como na pasada tempada, catro concertos sinfónicos: tres a cargo da Real Filharmonía de Galicia, en colaboración con Afundación, e un da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, concerto que servirá para clausurar a tempada en xuño de 2015.
Mención especial merece o concerto do 12 marzo da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Antoni Ros Marbà. Nel haberá a oportunidade de escoitar a Pablo Ferrández, un dos mellores violonchelistas novos do actual panorama musical, e de quen o gran director Lorin Maazel eloxiou a súa excelente técnica e musicalidade. Os outros dous concertos da agrupación sinfónica compostelá, que terán lugar o 20 de novembro e o 11 de febreiro, estarán dirixidos por James Dahlgren e Jaime Martín, respectivamente.
No concerto de clausura da tempada, o 9 de xuño, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, baixo a dirección do seu titular Javier Viceiro-Filgueira-Filgueira, contará coa participación do trompetista portugués José Real Cinteiro.
Os tres concertos da Real Filharmonía de Galicia celebraranse no auditorio do Centro Social Afundación, mentres que o resto terán lugar no Teatro Principal.