Oscar Ibáñez e Tribo volven, dez anos despois, a actuar en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción
Oscar Ibáñez ofrece este venres 3 a partir das 21.00 horas un concerto especial de presentación do disco 'Alén do mar' en Pontevedra coa súa banda Tribo e numerosas sorpresas. O coñecido gaiteiro e frautista pontevedrés ofrece o seu traballo de investigación e creación con fusión musical sen límites.
A súa carreira comezou nos grupos de música tradicional 'Treboada', 'Pai da Cana' e 'A.F. Celme' coa que actuou por toda Europa, ademais Ibáñez foi docente en máis de dez países de América Latina, Estados Unidos, Suíza, Reino Unido e España participando en concursos de gaita galega de maior prestixio nos que logrou máis de 40 premios.
Ademais da súa ampla formación musical académica publicou numerosos traballos de música tradicional e participou na creación do Arquivo Sonoro de la Deputación de Pontevedra e produciu diversos espectáculos en Galicia e en Cantabria.
Coa súa banda de directo Oscar Ibáñez e Tribo nos últimos anos actuou nos máis importantes festivais de música celta da península, de Bretaña e de Italia.
'Alén do mar', o seu primeiro traballo discográfico en solitario invítanos a unha viaxe sonora polo Atlántico chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta. Este disco inspírase no 'O fillo de Celt' do cambadés Ramón Cabanillas e mestura muiñeiras recollidas polo gaiteiro boticario Perfecto Feijoo, ademais de composicións celtas do virtuoso violinista Manuel Quiroga e un tema dedicado ao pirata da Moureira, Benito Soto.
O espectáculo deste venres contará coa presentación do músico Xurxo Souto, ademais de bailarins de danza brasileira e tango arxentino.