O escultor Lucas Míguez doa ao Salnés parte da súa colección "A raza cósmica"
Por Oskar Viéitez
O escultor galego Lucas Míguez doou a obra que recolle o pensamento idealista de José Vasconcelos á Mancomunidade do Salnés.
A Casa Museo Valle-Inclán, en Vilanova de Arousa acolle dende este mércores a exposición escultórica "A Raza Cósmica", do autor Lucas Míguez, nome artístico de Olimpio Javier Míguez Mosquera.
As pezas foron doadas polo propio autor despois de que formasen parte de varias exposicións itinerantes promovidas polo Instituto Coahuilense de Cultura e o Instituto Nacional de Belas Artes de México. A entrega oficial destas esculturas estivo presidida polo alcalde presidente de Aguascalientes, Juan Antonio Martín del Campo, que será acompañado por diversas autoridades municipais mexicanas.
ÿ unha colección baseada no pensamento filosófico e político do pensador mexicano José Vasconcelos, alcumado o Ulises Criollo, que foi coetáneo de Adolf Hitler, pero tiñan unha visión moi antagónica do concepto das razas que predicaba o ditador alemán.
A Galicia chega agora unha parte, xa que outras pezas continuarán expoñéndose en México. O conxunto escultórico doado ao Salnés está composto por unha vintena de talles, valorados en 70.000 dólares, segundo unha taxación realizada no ano 2000.
"A Raza Cósmica" viaxou por todo o país mexicano durante varios anos.