Pezas de Haydn para un concerto en Pontevedra da Real Filharmonía de Galicia e James Dahlgren
Por Redacción
A Real Filharmonía de Galicia e James Dahlgren compartirán escenario en Pontevedra. Farano o xoves 20 de novembro, ás 20.30 horas. Será nun concerto no que interpretarán tres pezas de Franz Joseph Haydn (Sinfonía n.º 6 en re maior ' Le matin', Sinfonía n.º 7 en do maior ' Le midi' e Sinfonía n.º 8 en sol maior ' Le soir'). Celebrarase no Centro Social de Afundación, situado na rúa Augusto González Besada 2.
James Dahlgren, un músico de ampla formación, é concertino da orquestra da Real Filharmonía de Galicia. Despois de traballar durante cinco anos coa Orquestra da ÿpera de San Francisco, aceptou o posto de concertino coa Orquestra Metropolitana de Lisboa e, máis tarde, colaborou coa Orquestra Ciudad de Granada, a London Philharmonic Orchestra, a Royal Liverpool Philharmonic Orchestra ou a New Zealand Symphony Orchestra, entre outras.
Foi profesor invitado coas orquestras JONDE, JONC, Musikene e BIOS, e premiado no concurso internacional María Canals en Barcelona. Mantén unha axenda moi activa, actuando como solista así como en formacións de música de cámara.
Pola súa banda, a Real Filharmonía de Galicia, que iniciou a súa actividade en 1996, conta actualmente con Paul Daniel como o seu director titular e artístico. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á formación dende o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena ou David Afkham, entre outros.
Do mesmo modo, xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, e a formación adoita protagonizar anualmente amplas xiras nacionais e internacionais.
As entradas para este espectáculo están xa á venda a través das canles habituais da entidade, en www.servinova.com ou ben no despacho telefónico no 902 504 500. Todas aquelas persoas menores de 35 anos poderán adquirir a súa entrada media hora antes do concerto no despacho a un prezo de cinco euros.