Mostra conxunta "A Cor" das artistas Irene Álvarez-Blázquez e Stella Verdult
Por Redacción
A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle a mostra conxunta "A Cor" das artistas Irene Álvarez-Blázquez e Stella Verdult.
Segundo explican as propias artistas, a mostra componse de collages, fotografías e tamén instalacións.
En relación á Irene Álvarez-Blázquez, o seu traballo céntrase na repetición, na vida e nos seus ciclos. As cousas sempre volven, e outras non chegan nunca, asegura.
Todo ao noso arredor forma parte dun círculo, un ciclo, un aprendizaxe chamado vida, engade afirmando que todo ao noso arredor crece e evoluciona, aínda que para algúns o aprendizaxe é un camiño máis sinxelo e para outros máis árduo.
As súas pezas son case sempre monotipos, pezas únicas nas que as imaxes e os temas poden repetirse formando diferentes liñas de traballo, pero sempre xogando coa variación e a obtención dunha peza final a través da combinación de varias pequenas.
A opción da repetición en serie apórtame unha maior capacidade para xogar, asegura, así como para combinar as miñas obras e obter pezas maiores e incluso, a veces escenarios. Gústalle xogar co espazo, o volume, pero sobre todo, co color e as formas.
No caso de Stella Verdult, o seu traballo podería definirse como a busca continuada sobre a cor. A través da fotografía e o collage, crea un mundo de elementos superpostos, reflexando a súa sensibilidade pola cor. Os materiais van dende bolsas de plástico ata caramelos, pero sempre sendo o mundo textil o compoñente constante na súa obra.
A exposición de Irene Álvarez-Blázquez e Stella Verdult permanecerá aberta na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o próximo 25 de setembro en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado.