Búscanse 'Nubebares' para colaborar na segunda edición do Festival das Núbebes
Por Alejandro Espiño
Volven as Núbebes. Tras o éxito do ano pasado, o Concello de Pontevedra e Baobab Teatro están a ultimar a programación da segunda edición deste festival de artes escénicas para nenos de 0 a 3 anos. Celebrarase de novo durante dúas fins de semana. Serán os días 19, 20, 21, 26, 27 e 28 de setembro. Música, danza, teatro, monicreques e obradoiros formativos volverán formar parte da oferta deste evento único en Galicia.
Esta segunda edición do Festival das Núbebes manterá o mesmo espírito. Búscase espertar a sensibilidade dos bebés con espectáculos pensados especificamente para eles. "Nestas idades os nenos están moi receptivos a recibir estímulos", explicou Andrea Bayer, coordinadora do festival, que destacou a grande acollida que tiveron o ano pasado todas as súas actividades. "Se crearon momentos moi especiais", recordou.
Máis da metade das compañías que participarán no festival serán galegas "porque aquí hai xente que traballa moi ben", segundo Bayer. Pero haberá unha maior presenza de espectáculos foráneos, especialmente portugueses. "Será unha oferta de calidade e traballaremos a sensibilidade dos nenos e das súas familias", adiantou a coordinadora do festival. "Son idades que nunca se tiveron en conta no eido na cultura".
De novo, os espectáculos que integrarán o Festival das Núbebes celebraranse no Teatro Principal, a Casa Azul e a Casa das Campás, aínda que nesta ocasión tamén se utilizarán as instalacións da Facultade de Belas Artes. Avanzouno a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que destacou que Pontevedra "volverase a encher de ilusión e esperanza" con actividades para gozar en familia.
Este ano tamén se incrementará a oferta de obradoiros de formación para os profesionais que traballan con nenos destas idades e se reservarán un número de entradas para as Escolas Infantís que dependen do Concello de Pontevedra.
NACEN OS NUBEBARES
A principal novidade desta segunda edición é que o festival buscará unha maior implicación do sector hostaleiro da cidade, debido á gran demanda deste tipo de servizos por parte das máis de 3.000 persoas que, chegados dende todos puntos de Galicia, participaron nalgunha das súas actividades. "Moitos pnos reguntaban onde poder comer ou cambiar de roupa aos rapaces", sinalou Andrea Bayer, o que os levou a pensar nunha alternativa.
A organización quere convidar aos bares e restaurantes de Pontevedra a que inclúan nas súas cartas menús axeitados para toda a familia e se adapten ás súas necesidades con servizos específicos para os días do festival, coma quentar biberóns, aparcar carriños, etc... A cambio, o festival incluirá nun programa de man aos establecementos colaboradores. Deste xeito pasarán a chamarse Nubebares.
A inscripción dos interesados poderá facerse entre o 17 de xullo e o 8 de agosto no enderezo electrónico: contacto@baobabteatro.com.
Relacionadas:
-
Festivaleiros dende o berce: As Núbebes xa están en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Praza do Teucro e Belas Artes, novos escenarios para a segunda edición do Festival das Núbebes
Por Alejandro Espiño |
-
As 'Núbebes' volverán en 2014: o Concello confirma unha segunda edición do festival
Por Redacción |
-
Traca final do Festival Núbebes de artes escénicas para bebés
Por Redacción |