Milladoiro recorda en Sanxenxo os seus 30 anos poñendo a banda sonora de Galicia
Por Redacción
A praza dos Barcos, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I, albergará o sábado un concerto de Milladoiro, no que o grupo folk realizará un percorrido pola súa longa discografía que comezou na primavera de 1980 coa publicación de A Galicia de Maeloc.
Será a partir das 22.30 horas cando veciños e visitantes poderán gozar desta cita de hora e media de duración que está organizada pola Deputación de Pontevedra, contando para iso coa colaboración do Concello de Sanxenxo.
Con 26 discos, oito bandas sonoras para cine e centos de concertos, Milladoiro continúa percorrendo espazos e "tentando atopar a beleza detrás de cada pentagrama, poñendo banda sonora a un país en perpetua construción imperfecta, somos fillos seus e lembramos a cor sepia dos días escuros e de pobreza socio-ambiental".
E é que máis de trinta anos despois de iniciar a súa carreira, "seguimos á procura da beleza e da harmonía nunha singradura que ten a Galicia como epicentro dunha longa espiral sen fronteiras e que agarda e demanda de cada un de nós, que sempre esteamos á altura do seu horizonte de mar, ceo e terra: un horizonte onde pousa a ollada, tan so, a esperanza".