Milladoiro celebrará máis de 30 anos de carreira musical cun concerto no Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Máis de trinta anos de sólida carreira musical avalan a traxectoria de Milladoiro, sen dúbida, a principal referencia do folk galaico. Marcaron o camiño a moitos outros músicos que viñeron detrás e agora, pasean toda esa tradición de máis de tres décadas nunha nova xira que os traerá a Pontevedra. Será cun concerto que se celebrará o vindeiro venres 19 de abril ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.
Como eles mesmos destacan na información desta xira, "trinta anos despois, seguimos á procura da beleza e da harmonía nunha singradura que ten a Galicia como epicentro dunha longa espiral sen fronteiras e que agarda e demanda de cada un de nós, que sempre estemos á altura do seu horizonte de mar, ceo e terra; un horizonte onde pousa a ollada tan so, a esperanza".
Actualmente, tras varios cambios na súa formación, Milladoiro está formado por Nando Casal (gaite, clarinete, tin whistle, cromorno), Xosé V. Ferreirós (gaita, oboe, tin whistle, mandolina e bouzouki), Moncho García (bodhrán, tamboril, percusión), Xosé A. Méndez (flauta traveseira, flauta de pico), Antón Seoane (guitarra, acordeón, teclados), Harry.c (violín) e Manú Conde (guitarra, bouzouki).
Milladoiro naceu a finais da década dos anos 70 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre, cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. O seu primeiro concerto foi o 15 de maio de 1979 no Colexio Salesianos da Coruña. Editaron un total de 24 discos e a súa versatilidade levoulle a gañar un Premio Goya en 1986 pola banda sonora orixinal da película La mitad del cielo, de Manuel Gutiérrez Aragón.
Durante estes anos levou a cabo un longo labor de recuperación e reivindicación da tradición musical galega e, por iso, emprega instrumentos locais como a gaita galega, o pandeiro ou a zanfoña, xunto a outros máis universais como o clarinete, a flauta traveseira, o violín ou o bouzouki.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 15 euros, pódense adquirir en www.servinova.com.