O fotógrafo David Casanova trae a súa colección 'fetichista' á Galería About Art
Por Redacción
A galería About Art de Pontevedra inaugurará o próximo sábado 12 de xullo a exposición "Fetichistas" do artista asturiano David Casanova. Trátase dun conxunto de retratos e fotografías que chegan por vez primeira a Galicia e que, segundo o seu autor, pretende "botar algo de luz sobre as prácticas, códigos de vestimenta, protocolos de conduta e aspectos psicolóxicos da comunidade BDSM,".
Es, sinala o artista, dunha realidade subcultural que, "máis alá dos seus trazos idiosincráticos colectivos, acerta a irmandar tanto como distingue aos seus integrantes, individuos de toda idade, condición, extracción social e nivel cultural, a través das súas vivencias persoais e da súa reivindicación particular dunha liberdade que se revela cotiá e incuestionablemente desmitificadora, reafirmándose a si mesma ante o noso mero ollo voyeur,".
Fotógrafo autodidacta, residente en Madrid e especializado en moda e retrato, Casanova (Gijón, 1971) comezou a súa andaina profesional traballando para deseñadores emerxentes como Gori de Palma, Yiyí Gutz, Nora Izaguirre, Alberto Sinpatrón e Víctor Von Schwart, e colaborando en diversas revistas e blogs de moda e vangarda de Madrid e Barcelona.
A súa obra persoal, mediante unha aproximación formal clásica e esteticista, en moitos aspectos herdeira das tradicións fotográfica e pictórica, articúlase en torno á expresión vital e a psique, abordando as súas manifestacións actuais e recalando, así mesmo, nos motivos, xéneros e representacións universais comúns a ambas as dúas disciplinas.
A exposición permanecerá aberta ata o 25 de xullo, en horario de martes a venres, de 17.30 a 20.30 horas e sábado de 11.00 a 14.00 horas.