Isabel Brison amosa a súa postura crítica sobre o urbanismo portugués na galería About Art
Por Redacción
Unha colaboración coa galería Carlos Carvalho Arte Contemporânea de Lisboa permitirá á pontevedresa About Art exhibir nas súas instalacións da rúa Pasantería unha mostra que recolle unha selección da obra da artista portuguesa Isabel Brison. Poderá visitarse dende o próximo mércores 24 de setembro.
A artista presenta obras relacionadas coas súas series Maravilhas de Portugal e Fronteiras, así como os traballos presentados na súa última exposición O futuro da vida urbana em ruínas, realizada na galería lisboeta.
Isabel Brison (Lisboa, 1980), que actualmente se encontra en Sidney grazas a unha bolsa artística despois do seu paso polo MACBA de Barcelona, adopta unha postura crítica sobre o urbanismo en Portugal e sobre as discrepancias existentes entre edificios antigos degradados que forman parte da identidade portuguesa e a construción masiva de novos edificios.
O seu traballo confórmase de pequenas ficcións urbanísticas que teñen como materia prima, principalmente, a cidade de Lisboa, reorganizando os seus espazos públicos de acordo con diversos impulsos utópicos.
Para iso a autora recorre a manipulacións dixitais, conglomerando varios tipos de construcións, compoñendo casas e fortalezas imaxinarias a partir de fragmentos doutras abandonadas ou decrépitas, en ruínas, ata crear un corpo estraño e esquizoide no centro dunha paisaxe urbanizada, onde os estragos contribúen para a imaxe idílica e se establecen nunha zona de fronteira na que o suburbio está entregado a unha poética do caos que é simultaneamente o espazo da liberdade, na cal a artista pode fundar o seu corpo de traballo.
Relacionadas:
-
About Art acolle ata o 13 de decembro a primeira exposición en Galicia do artista grego Filippos Tsitsopoulos
Por Redacción |
-
O mundo rural do Miño visto polo portugués Ricardo de Campos, ata o 13 de novembro en About Art
Por Redacción |
-
O fotógrafo David Casanova trae a súa colección 'fetichista' á Galería About Art
Por Redacción |
-
A obra de Antón Abreu Bastos, na galería About Art ata o próximo 5 de xullo
Por Redacción |