O bisneto de Celso García de la Riega entrega a Poio 20 dos 200 exemplares da biografía do seu avó
Por Redacción
No centenario da morte do historiador e escritor pontevedrés Celso García de la Riega, impulsor da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, o seu bisneto, Guillermo García de la Riega, ven de editar unha biografía do seu avó. Biografía. Don Celso García de la Riega ten editados só 200 exemplares e 20 deles están dende este xoves a disposición do Concello de Poio.
Guillermo García de la Riega entregou persoalmente estes exemplares ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, nunha edición especial que se acompaña de dous facsímiles das obras La Gallega. Nave capitana de Colón (1897) e Colón español. Su Origen y Patria (1914).
O alcalde de Poio felicitouno pola publicación desta biografía, que "acrecenta a vinculación do navegante co noso municipio" e o Concello anunciou que os libros entregados polo autor depositaranse na biblioteca da Casa Museo de Colón en Portosanto e nas bibliotecas dos centros educativos.
García de la Riega neto explica que se animou a publicar a biografía hoxe entregada a Luciano Sobral precisamente porque este 2014 se cumple o centenario da publicación da última obra do seu avó, que publicou no ano da súa norte. Pretende "dar a coñecer a figura de Don Celso, conocido pola súa teoría sobre a orixe de Colón, pero que a súa traxectoria vai moito máis alá e que en vida foi moi valorado e considerado, non só a nivel local na súa cidade natal, Pontevedra, senón a nivel internacional".
Retrata ao seu bisavó como unha persoa moi avanzada para a época, interesado pola tecnoloxía e a mellora das comunicacións no noso país, pola promoción turística da contorna, ademais de auspiciador cultural de premios e certames. Quere con esta obra "dar a coñecer tamén a súa faceta política, como deputado do partido liberal por Cambados, e defensor dos dereitos sociais".
Esta edición especial de biografía e dous facsímiles sae en edición limitada a 200 exemplares, está á venda en diversas librarías de Pontevedra (Paz, Escolma e Baroja) ou pode adquirirse directamente por internet na páxina celsogarciadelariega.wordpress.com ou no correo electrónico guigaribe@gmail.com. O seu prezo é entre 40 e 45 euros.