Concerto de Manoele de Felisa no Sexto
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá este xoves 3 de xullo ás 21:00 horas o concerto 'Cantos de lembranza', no que se presentarán os temas, que inclúe o libro CD do mesmo título, co que o cantautor Manoele de Felisa lle rende homenaxe ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.
A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do local.
Manoele de Felisa converteu en cancións un conxunto de poemas nos que o autor das 'Memorias dun neno labrego' recordaba á súa familia, aos veciños e os espazos e situacións da súa infancia: a escola, o camposanto, o río... o seu Gres natal, en definitiva.
Para este traballo contou coa colaboración dunha vintena de artistas, entre eles a voz de Luis Emilio Batallán e un texto de Víctor F. Freixanes.
As fotografías do álbum familiar do propio escritor e unha escolma de ilustracións completan este sentido proxecto.
Xosé Neira Vilas, galardoado recentemente co Premio Otero Pedrayo, estará tamén presente no acto comentando os poemas cantados por Manoele de Felisa.