A Aula de Teatro de Pontevedra presenta unha nova versión de 'Os suicidas' en Raxó
Por Redacción
A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra presenta este sábado 14 ás 21:30 horas no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Raxó (Poio) unha nova versión do espectáculo 'Os Suicidas', baseado en textos de, entre outros autores, Manuel Lourenzo, Manuel Rivas e Quim Monzó.
A montaxe teatral recolle escenas de distintas obras representadas durante os quince anos de traxectoria que leva a Aula de formación teatral. A repartición está composta por quince actores con idades comprendidas entre os 15 e os 60 anos que realizaron ao longo dos últimos meses un traballo de formación interpretativa.
A obra ofrece un alto compoñente de crítica social a través do humor xogando cos estereotipos habituais que se asocian cos costumes galegos, españois e británicos. Recóllense situacións cotiás, familiares, íntimas e mesmo absurdas dunha sociedade pouco autocrítica.
Esta función organizada pola SCD Raxó intégrase como un espectáculo bonus dentro da programación do ciclo Poio Escena. A entrada é libre.