SKA-P, La Raíz e Aphonic, primeiras confirmacións de un SonRías Baixas, que se traslada a setembro
Por Redacción
O festival SonRías Baixas chega á súa décimo terceira edición e faino con novidades. A principal é o seu cambio de datas. Abandona os primeiros días de agosto para celebrarse a fin de semana do 19 e 20 de setembro. Organizado un ano máis pola Asociación Troula na Banda mantén, iso si, a Bueu como a súa sede. Para esta edición, o festival ten confirmada xa a presenza dos madrileños SKA-P, os valencianos La Raíz e os galegos Aphonnic.
Catro anos despois do seu último concerto en Galicia, SKA-P elixe o SonRías Baixas para despedirse temporalmente do público do noroeste peninsular. A banda de Vallecas descansará despois de dous anos nos que deron a volta ao mundo co seu último traballo, 99%. Unha oportunidade única para ver unha banda mítica, que leva vinte anos mostrando unha enerxía radical sobre o escenario e unhas letras rotundas de denuncia do capitalismo, o fascismo, o racismo e o imperialismo.
Cun directo único, vibrante e arrollador, que transcende estilos e etiquetas, La Raíz é un dos grupos revelación da escena musical estatal. Destacada por crítica e público nas dúas últimas edicións do ViñaRock, esta big band valenciana composta por catro cantantes, dúas guitarras e dous ventos, un baixo, unha batería e un DJ arrasa sobre o escenario coa súa particular mestura de reggae, ska, hip hop e rock. Virán ao SonRías Baixas co seu último traballo, Así en el cielo como en la selva, cheo de ritmos bailables e de letras comprometidas.
Aphonic, unha das banda con máis progresión de Galicia nos últimos anos chega ao SonRías Baixas para presentar o seu cuarto traballo, Héroes, no que defende o seu rock atemporal e un potente directo. Riffs cortantes que non deixan lugar á improvisación, unha batería contundente, un baixo imprescindible e unha voz que enche de forza e de rabia os seus temas.. Dos ritmos melódicos á tralla, dos temas pegadizos ao metal, combinando as voces limpas coa agresividade instrumental e no acompañamento electrónico, os vigueses destinan agresividade e melodía ao servizo dun sentimento capaz de deixar pegada no público.
Despois destas primeiras confirmacións, a organización promete máis sorpresas para as próximas semanas e pon xa á venda na súa web as primeiras 400 entradas a un prezo reducido de 18,50 euros máis gastos o abono dos dous días. O prezo na billeteira será de 29 euros e o acceso á zona de acampada custará cinco euros.
A particular mestura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan "de Festivaleiros para Festivaleiros" por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.
A pasada edición do Festival conquistou en agosto de 2013 a 12.000 persoas con tres días de música, praia e gastronomía, o que supuxo para Bueu unha inxección económica de 830.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca. A maioría dos provedores do festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan cada día no evento, a maior parte, xente da vila.