Moncho Borrajo suspende a función en Vilagarcía debido ao "lento ritmo de venda de entradas"
Por Redacción
O humorista de Ourense, Moncho Borrajo, cancelou a actuación que estaba prevista para este próximo domingo, 1 de xuño, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. A produtora do espectáculo 'Yo, Quevedo' comunicou á Concellería de Cultura a decisión adoptada ante o "lento ritmo de venda de entradas a escasos cinco días da representación".
A produtora, segundo o Concello de Vilagarcía, lamentou ter que anular a cita co público de Arousa e puxo de manifesto o seu interese por regresar pronto ao Auditorio municipal.
Aqueles espectadores que xa tivesen adquirido as entradas para o espectáculo do domingo poderán recuperar o importe a través do mesmo medio polo que efectuaron a compra: servinova ou no despacho telefónico 902 504 500