PortAmérica suma Rías Baixas ao seu nome e confirma a Vetusta Morla, Love of Lesbian ou The Jayhawks
Por Alejandro Espiño
Porto do Molle (Nigrán) volverá acoller, por terceiro ano consecutivo, o festival PortAmérica. Será os próximos días 17, 18 e 19 de xullo. A pesar da súa xuventude, este festival situouse como un dos eventos culturais máis importantes do noroeste peninsular. E este ano estrea 'apelido'. A partir de agora será coñecido como PortAmérica Rías Baixas, segundo se confirmou na presentación celebrada este xoves na Deputación de Pontevedra.
Segundo Joaquín Martínez, director do festival, PortAmérica incorpora Rías Baixas ao seu nome porque "está vinculada a un determinado territorio que ten unha serie de valores turísticos e atractivos que temos na nosa terra". Con esta decisión, o festival, que conta cunha gran proxección en España e toda Latinoamérica grazas a un cartel de artistas integrado por grandes estrelas nacionais e latinas, axudará a promover o turismo nas Rías Baixas.
Xunto con esta novidade, PortAmérica presentou o cartel definitivo desta terceira edición. Aos nomes xa coñecidos como The Sonics, Nada Surf, Sidonie, Nenos Mutantes, Calexico, Andrés Calamaro ou Najwa, súmanse agora bandas como Vetusta Morla (presente por terceiro ano consecutivo), Love of Lesbian, Villanueva, Belöp, o panameño Carlos Méndez, os estadounidenses The Jayhwaks e os belgas 2ManyDJ's.
O cartel completo do festival PortAmérica 2014 é o seguinte:
XOVES 17 DE XULLO
- 2 Many DJ's (Bélgica), Iván Ferreiro, The Jayhawks (Estados Unidos), Sidonie, Vega, Triángulo de amor bizarro , Meneo (Guatemala), Villanueva e Carlos Méndez (Panamá)
VENRES 18 DE XULLO
- Vetusta Morla, Andrés Calamaro (Argentina), Calle 13 (Paraguay), Nikky Hill (Estados Unidos), Niños Mutantes, Novedades Carminha, Systema Solar (Colomboa), Kostrok, Yall e Mitú (Colombia)
SÁBADO 19 DE XULLO
- Love of Lesbian, Calexico (Estados Unidos), The Sonics (Estados Unidos), Nada Surf (Estados Unidos), El columpio asesino, Najwa, León Benavente, Natalia Lafourcade (México), Eme DJ, Full e Belop.
PortAmérica desvelou tamén este xoves unha das súas grandes sorpresas. Sabíase que Iván Ferreiro preparaba un concerto especial para a súa actuación. E mediante un video proxectado na rolda de prensa, o propio artista confirmaba que realizará unha exclusiva homenaxe ao grupo Golpes bajos, cuxo líder Germán Coppini faleceu recentemente. Fará un percorrido por todas as súas cancións acompañado de Pablo Novoa, Luis García, Amaro Ferreiro e Marta Toro.
Os aboamentos para os tres días do festival seguirán mantendo o prezo que tiñan ata agora, 45 euros, para os 2.000 próximos que se vendan. Ademais, coincidindo coa presentación do cartel, tamén se poden adquirir xa as entradas por días. Se se opta por esta opción, cada xornada de concertos custará 25 euros. A estes prezos haberá que sumar outros 20 euros se se quere facer uso da zona de acampada durante cinco días.
Na presentación do festival, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e a deputada Ana Isabel Vázquez, destacaron a "función dinamizadora" deste festival na provincia. Trátase dun evento, sinalaron, que atraeu o pasado ano 19.000 persoas durante cinco días, e xera numerosos postos de traballo e actividade económica. Neste sentido, calculan que PortAmérica xera un movemento duns tres millóns de euros na zona.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
En próximos días, o festival PortAmérica dará a coñecer as actividades complementarias que se están a preparar para este ano. Neste sentido, Joaquín Martínez adiantou que volverán contar cunha ducia de cociñeiros, comisionados polo pontevedrés Pepe Solla, para achegar a alta cociña o público do festival, creando pinchos exclusivos a prezos alcanzables. E como novidade, PortAmérica acollerá, en colaboración coa Universidade de Santiago, o curso "Creación cultural e music business", como antesala a un Máster en Industria Musical, que se prevé iniciar o próximo curso.