Primavera poética para celebrar as Letras Galegas
Por Redacción
Os centros culturais, sociais, de ensino, de maiores e bibliotecarios da Fundación Novacaixagalicia e as redes sociais da entidade propoñen ao longo dos próximos días unha serie de actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Todas se enmarcan en torno a unha proposta titulada 'Primavera poética', que engloba actividades orientadas tanto a público infantil e xuvenil como adulto e que se desenvolverán en toda Galicia e tamén en Pontevedra.
Tocante ás iniciativas dirixidas aos centros de ensino, desde infantil ata bacharelato, a Fundación Novacaixagalicia pon en marcha os obradoiros 'Un bo día de poesía' (infantil) e 'Nimbos de poesía' (adaptado para os diferentes ciclos de primaria, ESO, bacharelato e CF). Os escolares que durante os meses de maio e xuño participen, cos seus centros, nas propostas ofrecidas pola Fundación Novacaixagalicia aprenderán a traballar con divertidas tipoloxías de creación poéticas como son os pictogramas.
Descubrirán, grazas a poemas en que a palabra e a imaxe conviven artisticamente, os segredos da riqueza das composicións de Xosé María Díaz Castro, unha das figuras da literatura galega máis aclamada, encadrada na xeración do 36 e pertencente ao grupo do Seminario de Mondoñedo, onde cursou os seus estudos. O seu libro de poemas, Nimbos, é un referente da literatura galega de posguerra, e nel está incluída Penélope, unha das composicións poéticas en lingua galega máis aplaudidas.
Pola súa parte, os adultos tamén poderán inscribirse nos obradoiros literarios que a entidade galega deseñou co gallo desta efeméride que afonda na pegada de Díaz Castro na herdanza literaria galega. Ademais, o traballo de declamación concentrará a segunda parte das actividades, tanto nos obradoiros infantís e xuvenís como no de adultos.
Asemade, a Fundación Novacaixagalicia, a través da súa conta nas redes sociais Facebook e Twitter anima a ofrecer a interpretación que cada persoa considere dun dos máis famosos poemas de Díaz Castro, Penélope. Os participantes deberán, a partir dun verso desa composición, crear unha imaxe ou un deseño que remitirá á Fundación a través da canle correspondente. Todas as propostas que se reciban antes do venres 23 de maio ás 23.00 h entrarán no concurso, que ten como premio o deseño dunha bolsa de tea, unha camisola e mais un póster coa imaxe gañadora.