A Fundación Igualarte presenta o espectáculo 'Nos meus zapatos'
Por Redacción
O auditorio do Centro Social da Fundación Novacaixagalicia acollerá o sábado 7 de xuño en Pontevedra ás 20.30 horas o espectáculo Nos meus zapatos, interpretado pola compañía de danza da Fundación igualarte, unha entidade que traballa para desenvolver os dotes artísticos en persoas con capacidades diferentes.
Nos meus zapatos é un espectáculo de cincuenta minutos no que dez integrantes deste grupo expresan, a través do baile, a dificultade de encontrar, neste mundo de présas, o espazo adecuado para recoñecerse uns a outros. Trátase dunha montaxe de expresión corporal na que os dez artistas camiñan en busca da súa propia identidade. A música que acompaña ao espectáculo, capaz de xerar unha atmosfera intensa.
Igualarte é o único centro ocupacional artístico de Galicia cuxo obxectivo é a profesionalización por medio da arte para alumnos a partir dos 16 anos. Reciben formación en música, expresión corporal, plástica e educación física.
Os interesados en asistir poden adquirir as entradas a partir dos cinco euros a través da web de Servinova.