Xa están á venda as entradas do espectáculo de danza da Fundación Igualarte
Por Redacción
A Fundación Novacaixagalicia acaba de poñer á venda, a través da súa plataforma de venda de entradas, Servinova, as localidades para o espectáculo Nos meus zapatos, interpretado pola compañía de danza da Fundación Igualarte, unha entidade que traballa o desenvolvemento artístico en persoas con capacidades diferentes.
A función será o vindeiro sábado, 7 de xuño ás 20.30 horas no Centro Social Fundación Novacaixagalicia de Pontevedra.
Nos meus zapatos é un espectáculo da compañía de danza de Igualarte, entidade que traballa o desenvolvemento artístico en persoas con capacidades diferentes, promovido pola Fundación Novacaixagalicia.
Ao longo de cincuenta minutos, dez integrantes deste grupo expresan, a través do baile, a dificultade de atopar, neste mundo noso das présas e da globalización, o espazo adecuado para nos recoñecer e para que sexamos recoñecidos polos outros.
Un espectáculo de expresión corporal no que dez artistas camiñan á procura da propia identidade e convidan ao espectador a unha reflexión interior sobre o xeito en que nos vemos e como nos queremos ver. A música que acompaña ao espectáculo, capaz de xerar unha atmosfera actual e intensa que propicia os sentimentos encontrados e empurra ao pensamento, está composta por temas de Orbital, Jonnhy Flynn, Chicks on speed kroke ou Balkan.
A Fundación Igualarte, traballa no desenvolvemento artístico en persoas con necesidades educativas especiais, entende a arte como un dereito de todos. A fundación leva a cabo a súa actividade durante as tardes, momento no que ofrece, a persoas de todas as idades, un ocio artístico e formativo a través de obradoiros de danza, música ou arte.
Igualarte é, así mesmo, o único centro ocupacional artístico de Galicia, cuxo obxectivo é a profesionalización por medio da arte para alumnos a partir dos 16 anos.