Antía e Wamba chegan para crear conciencia solidaria entre os cativos
Por Redacción
Antía é unha nena galega. Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.
Será o argumento do contacontos que este martes chega ao Teatro Principal de Pontevedra, con motivo da conmemoración do Día Mundial dos Dereitos da Infancia.
Antía, Wamba e o regato pequeno é o novo espectáculo deseñado pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nel, Marta Ortiz e Brais das Hortas volven apostar polas historias con música en directo, desta volta dirixidas a un público infantil e familiar.
A cita con este conto que busca crear conciencia solidaria entre os máis cativos será ás 20.30 horas e a entrada de balde ata completar aforo.