O Museo acolle un un percorrido pola obra da ceramista Elena Colmeiro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Museo de Pontevedra acollerá desde o 4 de abril ata o 4 de maio unha mostra da escultora e ceramista Elena Colmeiro que, a través de 47 pezas representativas, permitirá ao visitante achegarse á evolución da obra da artista desde os anos 60 ata a actualidade.
A mostra permite comprobar como a obra de Elena Colmeiro foi evolucionando de forma permanente. Así, entre as 47 pezas que se expoñen figuran algunhas correspondentes ás primeiras incursións no informalismo, nos anos 60 cando xa Luis Seoane refería este avance e situaba á autora entre os ceramistas máis relevantes da península, ata as esculturas máis actuais, nas que a natureza serve de inspiración e se poden percibir con claridade ramas, raíces e incluso árbores.
No medio, unha evolución longa e continuada que pasa polas formas curvas e espirais, engade placas e, en todo o proceso, vai sumando novos materiais, novas formas e máis cor e, tamén novas dimensións, dado que a medida que pasa o tempo moitas das súas obras van adquirindo tamén dimensións máis grandes.
Na exposición, o visitante poderá sentir a fascinación polas fábricas que sempre tivo Colmeiro e que fixo que os materiais industriais e os cemiterios de refugallos da industria cerámica servisen para incorporar novas formas e colores á súa obra.