O artista francés Patrice Warrener "coloreará" o santuario da Peregrina
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de recibir na Praza da Peregrina o "artista francés da luz" Patrice Warrener e confirmou que será un dos participantes da recuperada Bienal de Arte.
Na súa visita, o artista percorreu da man de Domínguez este espazo público no que está previsto que a cidadanía poida gozar da súa obra durante a Bienal.
Patrice Warrener é un artista coñecido internacionalmente polo seu sistema de iluminación policromática "chromolithe".
Ten realizado ao longo dos últimos quince anos máis de 60 instalacións lumínicas por todo o mundo, enchendo de luz elementos tan característicos do patrimonio mundial como a Abadía de Westminster, a fachada de San Jerónimo de Madrid, a catedral de Saint Jean de Lyon ou coa súa intervención sobre Notre Dame.
O traballo de Warrener ten influído no crecente número de Festivais da Luz que se desenvolven en cidades e ten colaborado co músico inglés Tim Blake.