Oito citas co teatro e a música para dar a benvida ás fins de semana na Casa das Campás
Por Redacción
Teatro e música para despedir á semana. Entre o 7 de marzo e o 16 de maio, a Casa das Campás acollerá oito actuacións abertas á toda a cidadanía, programadas todas elas ás nove da noite dos venres e que se engloban baixo o nome de Derradeira e definitiva.
A primeira actuación deste ciclo corresponderá este venres a Gabriel Peso Trío, a formación que lidera o pianista pontevedrés Gabriel Peso, primeiro premio á Excelencia musical da Fundación Paideia.
A música jazz tamén será a protagonista do peche desta programación o 16 de maio coa actuación de Roberto Somoza Grupo, que presentará Continuum, un disco integrado por unha única composición en forma de suite, na que o jazz se fusiona coa música clásica.
Tamén forman parte deste ciclo dous espectáculos de Baboab Teatro, Contos para un caldiño e Bailando cos contos, programados para o 11 de abril e o 9 de maio respectivamente. Escritas e dirixidas por Andrea Bayer e ÿscar Ferreira, estas dúas obras pensadas para nenos de máis de 3 anos estrutúranse a través da dramatización dunha serie de contos.
Xa para un público adulto, a Casa das Campás acollerá o 14 de marzo a representación de Julieta Virtual, un espectáculo no que o teatro se combina co vídeo, a danza e a performance.
O 25 de abril, a Casa das Campás acollerá o musicoplastidrama de Velpister, un artista que combina a música, a interpretación e as artes plásticas. Na que será a estrea de El niño que aplaude en su escondite.
Así mesmo, o programa de Derradeira e definitiva tamén inclúe o 28 de marzo a actuación de Anaí Lago, que interpretará unha serie de composicións do autor barroco Domenico Scarlatti ao clavicordio.