Conta atrás para Con voz de muller, "o programa das Festas polo que sentimos máis orgullo"
Por Redacción & Mónica Patxot
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, acompañado pola artista Guadi Galego, presentaron este venres en rolda de prensa o ciclo Con voz de muller, que traerá a Pontevedra grandes voces femininas.
É "o programa das Festas polo que sentimos máis orgullo", recoñeceu o edil, quen lembrou que se celebrará na Praza da Ferraría do 31 de xullo ao 4 de agosto. "Temos cultura, un país e un mundo de espectáculo que é quen de producir un festival de tan alta calidade coma este", indicou.
Pola súa banda, Guadi Galego recoñeceu estar "moi contenta" de volver estar na Boa Vila, "unha cidade que sempre me apoia con moita ilusión" e onde fixo un dos seus espectáculos "máis potentes, porque o público das festas de Pontevedra é espectacular".
Será precisamente a artista de Cedeira, que xa estivo en Pontevedra o pasado mes de abril co seu espectáculo Síntese Horizonte, a que abra esta nova edición de Con voz de muller cun concerto que se celebrará o mércores 31 de xullo a partir das 22:30 horas.
Ao día seguinte, o xoves 1 de agosto, subirase ao escenario o grupo De Vacas co espectáculo Rebovina Divas Live, no que fan unha homenaxe ás divas do pop como Whitney Houston, Celine Dion ou Beyoncé.
O venres 2 chega unha das principais novidades esta edición, onde a música deixará paso ao humor cos monólogos de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro.
Sheila Patricia retomará os concertos o sábado 3 e Malvela poñerá o peche a ciclo ao día seguinte, o domingo 4.
Todos os concertos serán na Praza da Ferrería e comezarán ás 22:30 horas.
Cada unha das actuacións do ciclo Con voz de muller irá acompañada dun pasarrúas que percorrerá os principais espazos públicos de Pontevedra desde as 20:30 horas. Estarán protagonizados por Troula (mércores 31), a charanga Brassica Rapa (xoves 1), o grupo Celme (venres 2), o grupo de percusión Somdolilá (sábado 3) e a charanga Bicoia (domingo 4).
Relacionadas:
-
O PP traslada a súa "absoluta decepción" cos concertos do verán en Pontevedra, que ven "á cola" de Galicia
Por Redacción |
-
Con voz de muller trae a Pontevedra a Guadi Galego, De Vacas, Sheila Patricia e Malvela
Por Redacción |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Malvela, nova incorporación a Con voz de muller: actuará en Pontevedra o 4 de agosto
Por Alejandro Espiño |