O Ameixa Rock abre un 'crowdfunding' para financiar a súa edición de 2024
Por Alejandro Espiño
A perda dun dos seus principais colaboradores fai cambalear o festival Ameixa Rock, cuxa décima edición ten previsto celebrarse os días 7 e 8 de setembro en Carril.
De aí que os seus organizadores tomaran a decisión de abrir unha campaña de micromecenado a través de internet para reunir os fondos suficientes para cubrir o investimento necesario para financiar o festival.
Para iso, a través da plataforma Verkami, buscan recadar uns 2.000 euros.
Os responsables do Ameixa Rock defenden que o seu obxectivo seguirá sendo o de fomentar a cultura, o idioma e o mar mediante a música rock e actividades paralelas, manténdose o principio de gratuidade do festival.
A combinación de música en vivo, gastronomía local e a beleza do entorno de Carril "seguramente crearán unha experiencia inesquecible para todos os asistentes", subliña a organización do festival.
Así, haberá concertos na Praza da Liberdade ou na Alameda e, ao mesmo tempo, impulsaranse como actividades paralelas visitas guiadas á illa de Cortegada ou un roteiro polas rúas de Carril.
"Con isto espérase que esta edición do Ameixa Rock sexa un éxito e que todos os asistentes gocen da música, a cultura e a beleza de Carril e o seu contorno", sentencian os organizadores, que agardan poder "salvar" a edición deste ano.