Chega Itineranta, un festival para gozar "a través de todos os sentidos"
Por Alejandro Espiño
O programa das Festas de Verán segue avanzando. A próxima semana será a quenda de Itineranta, o festival de animación de rúa, no que dez compañías de todo o Estado presentarán ata once espectáculos diferentes. Será entre os días 17 e 19 de xullo.
Coordinado pola compañía pontevedresa Troula, Itineranta converteuse nunha referencia dentro do país á hora de amosar e achegar espectáculos deste tipo, contando cun éxito no que cada ano se multiplica o número de espectadores.
Así o destacou o edil de Festas, Demetrio Gómez, que subliñou que esta cita xa é un clásico en Pontevedra e "vangardista pola súa propia natureza".
"O escenario é o mellor posible: as rúas e prazas da Boa Vila", asegurou Gómez, que apuntou que Itineranta é un festival para gozar "a través de todos os sentidos".
O mércores 17, veciñanza e visitantes poderán gozar das actuacións de Campi Qui Pugui (The Yetis), Produccions Scura (LudiNautes) e El Carromato (Elipsión).
O xoves 18 tocaralle de Asaco Producciones (Custodios), Campi Qui Pugui (Rats!), Sound de Secà (Ácid) e Troula (Hexágonum).
E por último, o venres 19 estarán Xip Xap (Rag & Bone), Markeliñe (Andante), Bambolea (Aukera) e Xarxa Teatre (Nit màgica).
"Temos son, luz, música, cor, cheiros ou interaccións directas", explicou o edil pontevedrés, que cualificou a este festival como "unha das citas para deixarse levar, para coñecer o teatro de rúa e participar nunha catarse colectiva na que nos mesturamos cos actores e actrices".
Sergio Rodríguez, representante de Troula, organizadora do Itinernta, lembrou que este ciclo é unha referencia pola que "xa pasaron todas as grandes compañías do Estado con espectáculos deste tipo" e que este ano estreará dous espectáculos, o de El Carromato e o de Troula.
Relacionadas:
-
Lume e música para despedir o Festival de espectáculos de rúa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ánxos-pallasos, unha praga de ratas e unha manifestación de abellas percorren Pontevedra a ritmo de batucada
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ietis, extraterrestres e esculturas futuristas invaden as rúas de Boa Vila no arranque de Itineranta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Once espectáculos animarán as rúas do centro histórico de Pontevedra nunha nova edición de Itineranta
Por Redacción |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |